[Teño un niño de tolos pensamentos]
Teño un niño de tolos pensamentos,
onde o lar escondidos,
e des que vén a noite
i o lume está alcendido
e arrimo o pote i a fiar me sento,
naquel meu corrunchiño,
mentras que quence o caldo, estonces dígolles:
«¡Vinde, meus queridiñosl»
E corren e rebuldan
tan contentos de estar soios conmigo,
ca súa nai, súa dona,
seu único agarimo.
E ¡canto alí falamos en secreto,
e sempre del, Dios mío!
Del, que por irse alá... soia deixoume
co corazón ferido.
¡Cantas tristezas, cantos
queixumbrosos sospiros
me atormentaron, cantos
do meu peito saíron!
Pero todo en sacreto,
que esto a ninguén llo digo;
non foran a pensar que marmuraba
dos feitos que el me fixo.
¡Eu, marmurar de ti con xente allea!...
Nunca, meu queridiño,
que ti es meu home, eu túa muller, e debo
calar a miña dor e os teus desvíos.
Só cos meus loucos pensamentos falo,
por que son meus amigos
e tan discretos... tanto,
que só din o que eu quero e lles premito.
Sin eles, meu Xaquín, ¿que de min fora?
¿Soia aquí, donde un tempo houben contigo,
estalara de dor, tal como estalan
no lume eses espiños?
Moitas veces, si, moitas
pra non deixarme descansar, ¡rabisos!,
antre o meu leito veñen
e donde ti dormiche fan o niño;
mais eu, tal como agora,
pra non chorar a fío
e non ter que levar mañán de cedo
os ollos como brasas alcendidos
cando vaía o mercado,
seilles decir: «¡endinos!,
non me atormentés máis, ide a escondervos
no voso buratiño.»
E despídoos de paso
con un amante bico...
Mais, si llo dou a eles, ese beixo
é para ti tan só, Xaquín querido.
¡Volve, volve onda min, porque anque diga
que consolada vivo
con estos loucos pensamentos, seica,
seica me axudan a morrer, Dios mío!
Xaquín, Xaquín, que de muller naciche,
e que doutra muller tiveches fillos,
¡ai!, cal teu pai sin túa nai morrera,
ve que morro sin ti, Xaquín querido.