[Ó sol fun quentarme]
Ó sol fun quentarme;
domne escallofríos,
cal se o Norte bravo
me arrastrase arisco.
Sentín unha gaita
de alegre sonido,
i os cabelos todos
puñéronseme irtos;
e tembrei cal tembra
na beira do río
herba que a corrente
toca cos seus limos.
Miña alma dorida,
meu corpo inxeliño,
faivos mal a gaita,
dávos o sol frío.
Miña alma, meu corpo,
se non é feitizo,
é que a morte querme
para o seu enxido.