O toque da alba
Da Catredal campana,
grave, triste e sonora,
cando ó raiar do día
o toque da alba tocas,
no espazo silencioso
soando malencónica,
as túas bataladas
non sei que despertares me recordan.
—
Foron algúns tan puros
coma o fulgor da aurora,
outros cal a esperanza
que o namorado soña,
i á derradeira inquietos,
mitá luz, mitá sombras,
mitá un pracer sin nome,
e mitá unha sorpresa aterradora.
—
¡Ai!, que os anos correron
e pasaron auroras
e menguaron as dichas
e medrano as congoxas.
E cando ora, campana,
o toque da albas tocas,
sinto que se desprenden
dos meus ollos bagullas silenciosas.
—
¡Que xorda e tristemente,
que pavorosa soas
no meu esperto oído,
mensaxeira da aurora,
cando ó romper do día
pausadamente tocas!...
¿En donde van aqueles
despertares de dichas e de groria?
—
Pasaron para sempre;
mais ti, grave e sonora,
i ai!, ó romper do día
ca túa voz malencónica
vés decote a lembrarnos
cada nacente aurora;
e parece que a morto
por eles e por min a un tempo dobras.
—
Da Catredal campana,
tan grave e tan sonora,
¿por que a tocar volveches
a ialba candorosa
desque eu houben de oírte
en bagullas envolta?
Mais ben pronto... ben pronto, os meus oídos
nin te oirán na tarde nin na aurora.