[Dende aquí vexo un camiño]
Dende aquí vexo un camiño
que non sei a donde vai;
polo mismo que no sei,
quixera o poder andar.
Istreitiño sarpentea
antre prados e nabals
i anda ó feito, aquí escondido,
relumbrando máis alá.
Mais sempre, sempre tentándome
co seu lindo crarear,
que eu penso, non sei por que,
nas vilas que correrá,
nos carballos que o sombrean,
nas fontes que o regarán.
Camiño, camiño branco,
non sei para donde vas,
mais cada vez que te vexo
quixera poderte andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para o Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues a San Cidrán,,
xa, en fin, te perdas... ¿quen sabe.
en donde?, ¡que máis me dá!
Que ojallá en ti me perdera
pra nunca máis me atopar...
Mais ti vas indo, vas indo,
sempre para donde vas,
i eu quedo encravada en onde
arraigo tén o meu mal.
Nin fuxo, non, que anque fuxa
dun lugar a outro lugar,
de min mesma, naide, naide,
naide me libertará.