A bandolinata
Ca espada asesina
no peito encravada,
o esprito na sombra
i o corpo na lama,
máis negra que a morte,
que a terra máis baixa,
bagullas de sangre
chorando en estaba.
De pronto antre o espeso
da brétema parda
con rara harmonía
salíu unha cántiga...
¡Que fresca e que doce,
que leve e que estraña
soou nas recónditas
cavernas da praia!
Calmouse o meu dore
cal sede ca iaugua
do probe sedento
na fonte se calma.
Nos ollos detidas
quedáronse as bágoas,
namentras inmoble,
suspensa, escoitaba.
De tempos remotos
de edades leixanas,
de noites sereas,
pra sempre acabadas,
aquel cantar tróuxome
non sei que lembranzas,
non mortas... dormentes,
¡quen sabe en que campas!
Coidara que a oíra
nos campos de Italia,
sendo eu quizais reina,
quizais sendo escrava,
na orela do Bósforo
do pazo á ventana...
mais sempre amor fondo
sentindo na ialma.
¿Que estraños soñares
se en min despertaran
do músico incónito
ca sonora cántiga?
¿De anteriores vidas,
cales recordanzas
calmaron a dore
das presentes ansias?
¿Quen pode decilo?
Misterios da humana
fráxil natureza,
naide os espricara;
so sei que sintindo
consolo na ialma
amei desde estonces
a bandolinata.