RAMÓN CABANILLAS. Tamén chamado O Poeta da Raza, nado en Fefiñáns (Cambados) o 3 de xuño de 1876 e finado en Cambados o 9 de novembro de 1959, foi un escritor galego.
Despois de abandonar a carreira eclesiástica en Compostela, regresou a Cambados, onde traballou como funcionario do concello. Incansábel lector, foi un autor decididamente monolingüe, de grande proxección pública, que xogou un papel determinante na superación dos moldes do Primeiro Renacemento, malia comezar a publicar a idade avanzada. Con trinta e catro anos emigrou a Cuba —posiblemente por mor de enfrontamentos de índole política—, onde residiu entre 1910 e 1915. Alí entrou en contacto cos núcleos galeguistas que apoiaban o agrarismo galego e foi un dos fundadores da delegación na Habana de Acción Gallega e alí coñeceu a Basilio Álvarez durante unha xira pola illa, e a Xosé Fontenla Leal, que foi clave para que comezase a escribir en galego. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).
De volta á Galiza, traballou en varios concellos do país e coñeceu de primeira man a loita agrarista. O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente no periódico A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento. Foi aclamado como Poeta da Raza e utilizou os seus poemas ao servizo da construción nacional, abandonando os ecos intimistas presentes na súa primeira poesía. Así, en Da terra asoballada (1917) e nas novas edicións dos poemarios publicados na Habana, Cabanillas mantivo unha actitude educadora. Pretendeu concienciar o pobo e achegalo ao nacionalismo. Con estes mesmos obxectivos redixiu, a instancias de Antón Vilar Ponte, a peza dramática A man de Santiña (1921). En colaboración con el comporía en 1926 a traxedia histórica O mariscal.
En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, en substitución de Xosé Salgado Rodríguez, sendo admitido co discurso A saudade nos poetas galegos, discurso que foi respondido por Eladio Rodríguez. En 1929 fixo o propio na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal. Na década de 1930, instalado en Madrid, Cabanillas —en liña co seu admirado Basilio Álvarez— achegouse aos gobernos presididos por Alejandro Lerroux, o que lle custou o desapego e mais as críticas de certos sectores do galeguismo.