MAL DE OLLO
Foi á bocanoite, ó punto
que rompía a estrelecer.
Diante do carro, a pasiño,
co rapaz a carón del,
viña baixando o camiño
que leva ó pinal do Rei.
Os morcegos revoaban
a tecer e destecer
os seus agoiros.
Doída,
unha campana tangueu.
Súpeto os bois recuaron
e romperon a tremer
cos ollos arregalados
fitando pra non sei que.
Tensou a corda e faloulles:
«¡Ei! ¡Que demo tedes! ¡Ei…!»
Mais, ó revirarse, o gando
guindouno en terra, e fuxeu
muxindo, tolo, abravado,
sempre a tremer, a tremer…
Pasoulle a roda por riba
e pillándoo de través
esmagoulle a arca do peito.
¡Daba compasión de o ver!
¡Quedou cos ollos abertos
fitando pra non sei que!
Ós berros do rapaciño
chegou correndo a muller.
¡Pobre! ¡Ficou alelada
sin dar a man nin a pé!
Con tres fillos que caben
debaixo dun cesto os tres
e coa sogra encamadiña…
¡quen lle terá de valer!
Os bois foron dar ó río
sempre a tremer, a tremer,
cos ollos arregalados
¡fitando pra non sei que!