LUME NO PAZO

Prendeu lume no pazo.

A roxa labarada

alumea a campía.

Atronan as campanas

o val.

Quentan o aire

espesas bafaradas

de fume.

Corre a xente

berrando atolondrada.

Ó arde-lo cume, as tellas

enroxecen e estalan.

Caien, cruxindo, as vigas,

e o lume ás catro bandas

envolve a torre.

Muxen

de medo os bois nas coadras.

A xente rube ó adro

pra ver onde é a disgracia

e ó mirar cara ó pazo

detense amontoada.

Érguense as mans ó ceo,

e sanguiñenta, tráxica,

refréxase nos ollos

a roxa labarada.

E un velliño, moi vello,

de guedelliñas brancas,

que vive de milagre,

xantando cando xanta,

vestido de farrapos

e durmindo onde cadra,

—todo por mor dun preito

de rendas atrasadas,

no que os donos do pazo

deixárono sin nada—,

ollando cara o lume,

rise, barulla e fala

¡de ir busca-lo gaiteiro

para que toque a gaita!