¡IRLANDA!
¡Irmanciña adourada
que pasáche-lo mar!
¡Antre a brétema, o tanguido
da campaíña de San Patricio zoando vai!
¡Carne, sangue, ósos celtas!
¡Irlanda! ¡Irlanda irmán!
¡Ten unha nova estrela o noso ceo
e ten uns santos novos noso altar!
Chegou o teu berro
ós cons de Fisterre que baten o mar
e abreu o teu laio, salouco e ruxido,
as vellas feridas do vello Breogán…
¡xa está cheo de sangue vermello
o cáliz do San Graal!
¡Irmanciña adourada
que pasáche-lo mar!
¡A lanza groriosa dos feitos heroicos e os sagros misterios,
en alto… afiada… na man!