A CALZADA DE CAMBADOS
(Lenzo de F. Llorens)
† IN MEMORIAM
Sol de vran. O mar de Arousa,
de praia a praia tendido,
canso de loitar, repousa.
Ceo azuado e senlleiro.
Limpou de néboa á Curota
o maino vento mareiro.
Alá, na boca da ría,
dende a solana da costa
o Con de Noro vixía.
A luz que cai Brava e roxa
encende as cunchas de nácar
dos areeiros da Toxa,
atolada e cantareira
crava frechas de diamante
nos negros cons da ribeira,
e, ardendo e brincando, chove
moída en pingas de ouro
nos pinales de Tragove.
* * *
Nas ágoas craras e mornas,
as velas albas ó sol,
agardan o leste as dornas.
Adiantan quedo quediño,
preguiceiras, soñadoras,
durmíndose no camiño,
deixando a popa, tras delas,
leviáns ronseles de prata
como regueiros de estrelas.
Son as doce. Xoga o vento
co fino e dondo tanguido
da campana do Convento,
e rodan as badaladas
sin rumbo, a ir e vir, voando
como pombas asombradas.
Da Isla a San Saturniño,
pasa esguío, silenzoso,
retinto corvo mariño.
Vai lanzado ras das ágoas
como venablo firente,
agoiro de loito e bágoas.
* * *
¡Neniña, gomo de rosa,
que á sombra dos vellos olmos
froreces leda e ditosa!
¡Baixo os maternos coidados,
bicada do mar de Arousa
na Calzada de Cambados,
que lonxe estás nesta hora
de saber que anda no aire
unha frecha feridora!
¡Dalle un bico a túa nai,
neniña, gomo de rosa!
¡Dalle un bico, que se vai!