CAMIÑO ADIANTE[1]

Camiño adiante, triste sin congoxa,

a frente erguida, o paso ventureiro,

ó lombo un pau e nel cangada a roupa

envolveita nun pano, o pensamento

na chouza en que viveu seus anos mozos,

o amor á terra en que naceu no peito,

unha visión de brétema nos ollos

e unha copra nostálxica nos beizos,

camiño adiante… adiante… ¡sempre adiante!

alónxase da aldea o bo labrego.

Creente nas virtudes da súa raza,

valente no sofrir, forte, sereo

coa homilde maxestá daqueles reises

relixiosos, pastores e guerreiros,

que adouraban a Dios nas altas cumes

da noite no misterio,

tiñan por pazo unha cativa chouza

e o trono ó pé dun vello castiñeiro;

canso de sementar en terra escrava

de vergoñosos feudos;

agrilloado por ladróns caciques,

amos sin lei e sin honor; famento

do día de xusticia que alumee

a libertá dos servos,

do día en que o fouciño

mancado no fungueiro,

sin piedá, sin perdón, a lume e sangue,

dende os castros suevos

ás covas en que os lobos se entobaron

baixe en nome de Dios e do Dereito;

buscando a redención, camiño adiante,

alónxase da aldea o bo labrego.

¡Abride paso ó loitador! Da mina

no temeroso e abafante seo,

sudando a fío baixo o sol ardente,

batido pola neve e polo vento

na montana, mollado na lameira,

entre as areas roxas do deserto,

sobre as ágoas do mar, no bosque virxe…

traballará pra redimir seus eidos

crebando sobre as testas dos tiranos

as cadeas que o teñen prisioneiro.

E trunfará na loita que en si leva

as forzas que han de darlle o vencimento:

¡fe cega no porvir, o nobre e santo

amor á terra en que naceu no peito,

unha visión de brétema nos ollos

e unha copra nostálxica nos beizos!