(2)
¡CURROS!
Caieu na man dos anxes, certo día
A VIRXE DO CRISTAL,
a lenda meiga, fror de poesía,
duns amores fanal.
Os seus cantos ó ler, —como ferido
que lelo, sin sentido,
do sono doente dunha frebe esperta—,
o coro anxelical
quedou coa boca aberta.
Pasmados do lenguaxe feiticeiro
daquel cantor subrime que os namora,
acordaron de cote no rueiro
ir a falar do caso milagreiro
xunto a Nosa Siñora.
Nun soilo vo, hastra seus pés chegaron,
bicáronlle o mantelo,
poñendo as mans en crus e as aas pecharon,
e no idioma do amor, tenro e sinxelo,
diante da Santa Virxe eisí rezaron:
—«Nun curruncho da terra, aló en Galicia,
hai un cantor dos bos;
tan doce é seu sentir, tanto acaricia
o eco da súa vos,
que, decilo, Señora, é de xusticia…
¡faino millor que nós!
Non achou nos seus eidos nin amores
nin boa voluntá,
e anque en estrana terra lle dan frores
morre de soedá…
si queres ter maiestro de cantores
¡traino pra xunta nós, traino pra acá!»—
E a Nai de Dios surrindo agarimosa,
mentras o ceo enteiro se arremuíña,
dixo coa vos con que falou a Rosa
do val de Vilanova «na Pedriña»:
—«Ben sei de quen falades. Ledas horas
daranos seu cantar de encantos cheo.
Ide a buscalo. Cúmprase o deseo.»—
¡E ó autor das tríadas fungadoras,
—queiras ou non—, metérono no ceo!