FALA UNHA LAVERCA…
¡O sol! ¡O sol! ¡Que ledo! ¡Que doirado!
¡Está a rir e a bailar!
Vou espelir as azas decontado
e ireino saudar:
¡Ei! ¡Bo día, meu amo! ¡Seica ardemos…!
¡Di que non… que está ben…!
¡No… pois a cara non llo dá! ¡Cos demos!
¡Ben acesa que a ten!
¡Ai, que fresquiña a ágoa do regueiro!
¡Como bule a brilar!
¡Dá ledicia meter nela o peteiro
e beber a fartar!
Cada pinga é unha bágoa que de noite
chorou Noso Señor.
¡Vou brincar! ¡Vou cantar! ¡Quero que escoite
que lle estimo o favor!
¡Ai! ¡Asús! ¡Que boa leira de centeo!
¡A agoiña da mañán
inchouno e arrebenta xa de cheo!
¡Farta un boi cada gran!
O centeo é un milagre. Todo o encerra:
arrecendo e sabor.
¡Debeu caír do ceo! ¡No hai no mundo
unha cousa mellor!
¡Din-din! ¡Din-din! A campaíña chama
polas miñas irmáns.
¡E as palanquinas inda están na cama
a rente das sabáns!
You a darlles un berro de alá enriba,
do alto de aquel con:
¡Ei, preguiceiras, mala caste! ¡Arriba!
¡Arriba, que si non…!
¡Alá vou eu…! ¡Erguédevos a escape!
¿Que andades a faguer?
¡Comerá máis a que máis grans atrape
que aquí é chegar e encher!
¡Que bo é o mundo! ¡Que groria! ¡Que dozura!
¡Que bendición de Dios!
¡E toda esta alegría e esta fartura…
¡Todo! ¡Todo pra nós!
¡O centeo! ¡A ágoa doce! ¡O sol locente!
¡Esto si que é vivir!
¡E todo pra as lavercas tan somente;
pra comer e pra rir!
¡¡E anda na terra inda, moi ergueito
con aire de señor,
un becho de dous pés, falando a eito
de Xusticia e de Amor e de Dereito
e dun mundo mellor!!