(3)
¡PONDAL!
Na morte do poeta.
Dou o queixume derradeiro o inxente
bardo doutras edás, forte e varudo
cantor dun pobo lexendario e rudo
asoballado de estranxeira xente.
Dos guerreiros de Suevia posto ó frente,
ós pés a lanza e o batido escudo,
agárdao Breogán, doído e mudo,
antre os pinos da costa verdecente.
Mentras… da praia ó castro solitario
vai do vento costeiro no bruído,
como un puñal, este ferinte berro:
¡Morreu Pondal, o vello lexionario!
¡Caieu en terra o pino máis brandido!
¡Crebouse a lira celta de ouro e ferro!