ÓS ESCOLARES LUSITANOS

Recibimento na Casa de Galicia en Madrí.

¡Ben vidos, escolares!

Neste aleiro

onde, maino repouso no camiño

de anduriñas de voo aventureiro,

un fato de galegos fixo o niño,

ten a visita coa que nos honrades

a mólida ternura,

as doces soavidades

da do irmán benamado

que, da lareira á tépeda quentura

dimpois da loita mundo adiante, ven

a relembrar as grorias do Pasado

¡e a soñar novas grorias no Alén!

* * *

Con vós chegan, louzanas, recendentes,

as visións espelladas e tranquías,

da Braga das caeiras verdecentes

e da Régoa das rosas campesías;

do chau de bendición en onde as vides

colgan os asios, a locir, nos gallos

de pinos e sobreiras,

nas ponlas das pereiras

e antre o follaxe espeso dos carballos;

das terras sempre amigas

nas que abriron seu rego

o Douro das violas e as cantigas

e o amado da Lúa,

¡o lírico Mondego!

Xuntos no chau e con parexa historia,

irmandados na fala e sentimento

fálanos, como nosa, a vosa groria.

Cara ó Atlántico mar, beira do Miño,

posta a man no tremente corazón

olla Galicia no estelar camiño,

das bágoas da emoción

os ollos arrasados,

o voo de Sacadura e de Coutinho

«por ares nunca dantes navegados»

e ve, axeonllada, latexante,

que unha albada de groria se aveciña

e que o avión se alonxa e se encamiña

por veredas de estrelas,

levando, ceo adiante,

¡a Cruz de Cristo, a Cruz das Caravelas!

Un berro de ledicia vai no vento.

Os héroes inmortaes

da epopeia sin par das Descobertas,

Gonzalo Velho, Zarco e Magalhaes

e Diego Cao e Gama e outros cento

siguen de azas abertas

a nao voadora até o rochedo

onde un istante incrínase abatida,

por mandado segredo

dos outos Ceos, para ben, detida:

¡A ten de bendecir

o Encuberto, o Santo Cabaleiro,

aquel que ten de vir

unha certa mañán de neboeiro!

Máis ditosa, lanzal, conqueridora,

que a que levaba na rompente prora

a Vitoria trunfal de Samotracia,

vai guiada da forza milagreira

da diviña Saudade.

¡A Fe, a Espranza, a Gracia,

a Beleza, o Relembro, a Eternidade!

¡A diviña Saudade creadora,

Pomba sagra do noso Sant Grial!

¡Alma aniñadora do Ideal

da Raza da Galicia soñadora

e o lexendario, heroico Portugal!

* * *

¡Irmáns no sentimento saudoso!

¡Mocedade da patria portuguesa!

Este homilde fogar galego é voso.

¡É voso este casal

onde vive a soñar, orante, acesa,

a alma de Galicia e Portugal!