¡ALÉN…!
Roseira que o trebón deixou espida
é a sagra Terra nosa.
¡Temos que pola ergueita, frorecida
cada pinga de sangue nunha rosa!
Ladren os cans á beira do camiño
ou cuspa solimáns a torta Envexa,
por riba da silveira e o tremesiño
ten de trunfar nosa vontade rexa.
¡Somos os máis, os fortes e os mellores!
¡Temos nas nosas mans encortizadas
o lume e o ferro! ¡Adiante forxadores!
¡Fragüemos as espadas!
Bicados polo Amor e a Saudade
¿quen poderá afogar nosas arelas?
¡Non hai vento que abafe a craridade
da máis murcha e cativa das estrelas!
¡Batide o ferro e avivade o lume!
¡No Miño azul temprade o limpo aceiro!
¡Xa, descida do ceo, ras do cume,
voa a branca pombiña do Cebreiro!
De casal en casal, sóbor dos agros
corren na noite verbas e soídos.
Son as voces do Alén, os berros sagros:
¡A Terra chama ós mortos e ós durmidos!
«¡Elaia! ¡Oonda! ¡Elaia!» ¡A cubizada
plenitude dos tempos é chegada!
¡Foron ditas as verbas do Conxuro!
¡En pé! ¡Mirade! ¡A Fada
da Renacencia abreu o Ponte Escuro!
¡Tornou ó Sil místico tesouro
que o novo Nibelungo lle roubara!
¡Xa é noso o Anel de ouro
con que o cacique a terra asoballara!
¡Xa a nosa Terra é nosa!
¡Namorados
da Beleza e do ben!
¡Cantores do Ideal! ¡Novos Cruzados!
¡Adiante! ¡Máis adiante!
¡Alén!
¡¡Alén!!